Ola!

Son Iria Ribadomar, debuxante e pintora galega nacida en Cambados. Vivo en Compostela dende que me trasladei aquí para estudar na Escola de Artes Plásticas e Deseño Mestre Mateo: “Proxectos e Dirección de Obras de Decoración” (2007) e “Arquitectura Efémera” (2011). 

O debuxo e a pintura sempre estiveron presente na miña vida e a partir do 2009 pasan a estalo de forma máis intensiva cando, despois de traballar un tempo como deseñadora de interiores, anímome a solicitar o permiso de actividades artísticas na rúa do Concello de Compostela (un recurso cultural, hoxe en perigo de extinción). Durante 10 anos estiven pintando, debuxando e expoñendo xunto con moit@s outr@s artistas no espazo de Arte de Rúa dos Soportais de Correos, na zona vella. Alí tiven, sobre todo, a oportunidade de aprender, experimentar, compartir experiencias coas compañeiras, forxar grandes amizades e ter un contacto directo con público de tódalas partes do mundo.

Unha “constante” na miña obra é a diversidade, tanto en técnicas coma en formatos, temáticas ou códigos… Sempre percibín coma un “corsé” a idea de ter que encaixar dentro dun estilo concreto e por iso trato de non autolimitarme, e ser libre para experimentar en cada proxecto coas características que mellor se adapten ao que quero transmitir, buscando sempre unha linguaxe propia, máis á vez heteroxénea.

Gústame que as fronteiras se dilúan, que se disolvan os límites: entre tradición e modernidade… entre arte, artesanía e deseño… entre figurativo e abstracto…, entre “popular” e “culto”… E tratar de desmitificar na medida do posible este oficio para derrubar moitas das barreiras e preconceitos construídos arredor del.

Teño a convicción de que a arte pode ser utizada tamén coma ferramenta de transformación social. Temas coma a identidade, os estereotipos, o xénero e a soberanía (como persoa, como muller e como pobo) están no meu pensamento e tamén, dalgún xeito, no meu traballo. Esa foi unha das razóns polas que naceu, no 2013, “deica!”.

“deica! Creacións” é un proxecto arredor da cultura galega co que trato de sintetizar, a través da ilustración, o que para min é a nosa identidade, xerando iconografía nova que logo aplico a láminas, complementos e outros formatos. Teño a convicción, de que valorándonos a nós mesmas, á nosa cultura e ao noso entorno, protexémonos algo máis da alienación. É moi motivador e reconfortante percibir que a relación das persoas con él trascende o meramente estético e vái moito máis alá. Ao longo destes anos, son xá arredor de corenta as ilustracións que dan forma ao universo de “deica!” e pódense atopar en tódolos formatos na súa Tenda Online: www.deicacreacions.com


> Exposicións e outras actividades


> Dende o 2018 teño a Carta de Artesá de “debuxante” e o meu taller está inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia .

> Tamén dende 2018 son socia da AGPI, a asociación Galega de Profesionais da Ilustración.


arte de rua iriaribadomar correos
iriaribadomar experimentos
colgantes-deica-creacions
fragmeno da peixeira iriaribadoamar